O concello busca reabrir o diálogo con Lantero tras tombar o convenio urbanístico

    VILAGARCÍA> Poucas novidades na primeira xuntanza da comisión constituída para analizar a nova situación, despois de que o pleno de Vilagarcía botara por terra o convenio urbanístico entre o concello e Lantero. PP, PSOE e BNG ofreceron fronte común, apoiando a proposta de buscar un acordo de boa fe coa cartoneira. Esquerda Unida, pola súa banda, aposta por recorrer ao Ministerio Fiscal.

     

    Representantes dos grupos da corporación e técnicos municipais, analizaron o novo escenario con Lantero. Fixérono despois de que o pleno apoiara por unanimidade unha moción de Esquerda Unida para tombar o convenio urbanístico entre concello e cartoneira asinado no 2004, que permitía urbanizar a finca que ocuparon ata hai cinco anos en Rosalía de Castro. A cambio, Lantero tiña que manter os postos de traballo un máximo de 15 anos.

    Despois da primeira xuntanza da comisión, o alcalde acusou a Esquerda Unida de desmarcarse da busca dun consenso e apostar pola xudicialización do conflito.

    No que si coincidiron todos os grupos é que nesta comisión estanse a valorar as diferentes opcións para empregar o convenio urbanístico para frear o ERE.

    Segundo Fole, os técnicos puxeron sobre a mesa as diferentes saídas á cualificación dos terreos de Rosalía de Castro: manter a actual de empresaria- industrial, mudala para equipamentos ou cambiala para industria. 

    Aínda que o acordo plenario xa se trasladou a Lantero, a cartoneira non se pronunciou ao respecto. 

    Na comisión desta mañá estaba prevista a presenza do presidente do comité de empresa. Finalmente, Jesús López non puido asistir por estar preparando as alegacións para recorrer o ERE que afecta á plantilla de Lantero xunto á asesoría xurídica de Comisións Obreiras.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/27/convenio_urbanistico_lantero.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/27/convenio_urbanistico_lantero.mp4{/flowplayer}