Cidadáns Boiro acusa ó executivo de incumprir os acordos plenarios

    BOIRO> A formación pon como exemplo a aprobación da reforma das antigas escolas de Escarabote, as melloras das deficiencias en edificios públicos ou a solicitude dunha estación de ABE para o Barbanza, entre outras. Unha simple mirada ás antigas escolas unitarias de Escarabote é suficiente para observar o importante estado de deterioro que presentan. Fiestras rotas, problemas de humidades, fallos na instalación eléctrica ou un mobiliario en desuso, son algúns dos problemas que denuncian dende a ANPA de Lampón, asociación a quen o concello lle cedeu o uso das instalacións, pero que debido ó se mal estado, non as poden empregar para desenvolver nelas as súas actividades. Dende Cidadáns, antes Unión Popular de Boiro, denuncian que a situación xa lle fora comunicada por esta formación ó executivo anteriormente, e mesmo se chegou a tratar en pleno en novembro pasado, aprobándose unha moción na que se acordaba a realización das obras necesarias para que estas instalacións puidesen ser empregadas. A día de hoxe da actuación nada se sabe, como tampouco nada se sabe doutros acordos plenarios, que o equipo de goberno incumpre sistematicamente, segundo Cidadáns.