Un incendio calcina por completo unha vivenda deshabitada no centro de Ribeira

    RIBEIRA> Espectacular incendio o rexistrado a primeira hora desta mañá nun solar deshabitado en Ribeira. A pesar da alarma xerada pola rápida propagación das lapas non houbo que lamentar danos persoais. Pasadas as sete desta mañá, os bombeiros recibían o aviso dun incendio en pleno centro de Ribeira. O lume iniciouse nunha vivenda abandonada na rúa Canarias. O forte vento fixo que as lapas se estenderan con moita rapidez, chegando mesmo a afectar a unha finca colindante co colexio O Grupo e causando danos en edificios adxacentes. Os bombeiros, varias dotacións de Ribeira e Boiro, apoiados polo Grupo de Apoio e Emerxencias Municipais, tardaron varias horas en controlar por completo o lume. A continuación foi preciso introducir unha pá escavadora para retirar os escombros e constatar que non houbese ningunha persoa no interior. Nun primeiro momento barallouse a posibilidade de que puidese haber algunha persoa no interior da vivenda, que era frecuentada por indixentes. Afortunadamente tan só houbo que lamentar danos materiais.