Malestar en Rianxo ó quedar excluído da campaña da vieira

RIANXO> Malestar na confraría de Rianxo ante o Plan de Explotación da Vieira presentado pola confraría de Cambados ante a negativa a incluír barcos procedentes do pósito rianxeiro. O patrón maior xa anunciou que tomarán medidas legais no caso de non poder sumarse á campaña.

A explotación da vieira na ría de Arousa segue a ser fonte de conflitos entre a confraría de Cambados e Rianxo. Á espera de coñecer os detalles do plan presentado polo pósito do Salnés, que previsiblemente será remitido por Mar este venres, os rianxeiros vense xa fóra da proposta a pesar de contar con numerosas embarcacións co permiso para extraer este recurso.

O patrón maior rianxeiro lembra a este respecto que nos últimos dous anos desenvolveron un plan en colaboración coa empresa Veiro aberto a tódolos pósitos da ría. Daquela, varias embarcacións de Cambados sumáronse á campaña. Polo momento, a confraría de Rianxo xa remitiu un listado das embarcacións con permex de vieira á Consellería do Mar. No caso de non ter resposta afirmativa non dubidarán en iniciar accións legais.

Insiste en que os plans deberían ser abertos e unha vez chegado a un acordo coa empresa, decidir entre tódalas confrarías o reparto de quilos e embarcacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí