Durán supervisa o resultado das inversións de Portos en Rianxo

    portosrianxolonxa.jpgRIANXO> O presidente de Portos comprobou o remate das obras de reparación da cuberta da lonxa executadas por mor dos danos provocados por un temporal.

    {flowplayer}barbanza/portosrianxolonxa.flv{/flowplayer}

    Acompañado do patrón maior, Baltasar Rodríguez, o alcalde, Adolfo Muíños, e o tenente de alcalde, Carlos Gey, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, comprobou os traballos, xa rematados, de reparación da cuberta da lonxa, como resposta inmediata ós danos producidos por un temporal a finais de outubro.

    Vía de urxencia

    As obras executáronse por vía de urxencia para repoñer a seguridade no edificio e minimizar os riscos para os usuarios do porto. O titular de Portos de Galicia achegouse tamén a comprobar o estado da reparación do espigón do peirao antigo do porto, deteriorado polo paso do tempo e os sucesivos temporais. Nas dúas actuacións investíronse máis de 40 mil euros.

    A necesidade de levar adiante a curto ou medio prazo a ampliación do actual edificio da lonxa foi tamén un dos asuntos que o patrón maior lle trasladou ó presidente de Portos.

    Remodelación fachada marítima

    O rexedor rianxeiro aproveitou tamén a visita do presidente de Portos de Galicia para volver a recordarlle varias actuacións que o ente autonómico aínda ten pendentes en Rianxo, como é o caso do proxecto de remodelación da fachada marítima, co polémico vial de acceso de entrada ó porto.

    Outra das reivindicacións plantexadas polo executivo rianxeiro ó máximo responsable do organismo autonómico foi a posibilidade de que se transfira ó concello as competencias en varias rúas próximas á zona portuaria, concretamente o paseo de Manuel Antonio, o paseo da Ribeira máis próximo a Setefogas ou a parte traseira do auditorio municipal. Zonas que para o goberno local non deixan de ser a día de hoxe urbanas e nas que o propio concello leva a cabo o seu mantemento.

    Redacción Barbanza