Desartellado un punto de venda e distribución de droga na Pobra

POBRA> A Garda Civil detivo a un veciño da Pobra do Caramiñal no marco da denominada operación ‘Hood Rebour’, desartellando así un importante punto de venda e distribución de droga na localidade.

A operación iniciouse ó coñecer a posible existencia dun punto de venda de substancias estupefacientes a pequena escala.

Unha vez identificada a persoa, os axentes  lograron interceptala no momento xusto no que se estaba realizando unha venda con outra persoa.

Segundo informaron fontes do Instituto Armado, trátase dun vello coñecido das forzas da orde por feitos similares. Acúsaselle dun presunto delito contra a saúde pública, ó encontrarlle entre as súas pertenzas unhas 900 doses de polen de haxix e 2.810 euros en moeda fraccionada.

Posteriormente no rexistro efectuado na súa vivenda, os axentes atoparon máis de nove mil gramos desta mesma substancia en pastillas preparadas para a súa venda, así como tamén  unhas 156 doses de cocaína e diñeiro en metálico.

Foi posto a disposición do Xulgado de Instrución nº 2 de Ribeira, que decretou o seu ingreso en prisión.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí