A xuntanza coa Ministra non despexa os medos da flota do cerco sobre o seu futuro

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/10/tejerina_cerco.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/10/tejerina_cerco.mp4{/flowplayer} 

 

PONTEVEDRA> Sen acordos pero con boas intencións. Así poderíamos resumir o encontro que onte mantivo a ministra de Agricultura cos representantes do cerco. Isabel García culpou da escaseza da cota á situación herdada do goberno de Zapatero, unhas limitacións que están a asfixiar aos 150 barcos da flota galega. García Tejerina comprometeuse a negociar para eles o acceso a novas especies ante a Unión Europea. 

Unha xuntanza longa que rematou sen acordos para a flota do cerco de Galicia. Os representantes advertiron á ministra que o seu futuro é incerto; Isabel García, pola súa banda, culpou ás políticas do goberno de Zapatero dos anos 2009 e 2010.

Ante as reclamacións do sector galego, García Tejerina insistiu en que está a negociar coa Comisión para que a flota poida acceder a outras especies.

Para os representantes do cerco, o problema está no sistema das especies que se captura. Eles pediron cambios no reparto da xarda pero a ministra  recordoulles que a flota galega asinou o acordo.

Tampouco achegaron posturas sobre outras especies. García Tejerina gabou o acordo de decembro sobre o xurelo. Sobre a sardiña, anunciou que a vindeira semana haberá un encontro para ordenar esta pesquería, que o goberno quere manter aberta ata novembro. Dende o cerco, reclaman máis cota para ambas especies.

Os representantes do cerco galego celebrarán o vindeiro sábado unha asemblea para dar conta da súa xuntanza coa ministra e trasladar a resposta de García Tejerina ás reclamacións dunha flota que conta con 150 barcos e da que dependen máis de 1.300 postos de traballo directos.