Quince traballadores volven ‘fichar’ en Lantero despois de catro meses de folga

    VILAGARCÍA> Os traballadores de Lantero comezaron hoxe a pasar páxina. Esta tarde, 15 dos traballadores  volveron aos seus postos para deixar atrás os 118 días de parón. Agora, queda algunha incógnita no aire, como cando e como empezará a aplicarse o ERE temporal que afectará á plantilla durante 21 meses.

     

    Con este xesto os traballadores de Lantero confirmaban a volta á normalidade.

    Tamén, o triunfo da súa loita, da que manteñen algúns dos símbolos.

    Despois de catro meses de folga, as máquinas da cartoneira volveron funcionar. Hoxe, catro días despois de acadar o acordo con Lantero, quince dos traballadores volvían aos seus postos de traballo.

    Ás portas da empresa, xusto enfronte do lugar que ocupou durante os 118 días de folga o campamento da dignidade, hai ganas de recuperar a rutina. Tamén incertidume polo que se van atopar ao traspasar as portas.

    Neste conflito, os traballadores estiveron arroupados pola sociedade arousá, colectivos e veciños. Tamén polos partidos políticos, aínda que botaron en falta máis implicación por parte do concello.

    Lantero tardará aínda unhas semanas en estar a pleno rendemento. Tamén quedan aínda preguntas sen resposta, entre elas como e cando empezará a aplicarse o ERE temporal. Pero hoxe xa se deu o primeiro paso para pasar páxina neste conflito, o máis longo da historia de Galicia.

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/11/volta_traballo_lantero.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/11/volta_traballo_lantero.mp4{/flowplayer}