Beatriz Mato ratifica o compromiso de colaboración con AMICOS

    BOIRO> A Conselleira de Traballo visitou as instalacións do centro residencial de AMICOS en Comoxo. Beatriz Mato resaltou a estreita colaboración do seu departamento con esta entidade na que nos últimos anos se levan investidos catro millóns e medio de euros. Na actualidade, Benestar financia a contratación de seis traballadores con discapacidade nun centro dependente de AMICOS. Beatriz Mato tivo ocasión de coñecer de primeira man as instalacións con que conta a asociación AMICOS no lugar de Comoxo, en Boiro. Trátase dun centro de atención integral dotado dos máis avanzados medios e recursos para a asistencia ás persoas con diversidade funcional, en tódolos eidos, dende atención temperá ata estimulación sensorial ou fisioterapia. A encargada de amosarlle os distintos servizos foi a presidenta da entidade, Esther Vidal. A Conselleira recolleu as demandas da asociación co compromiso de seguir colaborando na mesma liña iniciada xa hai seis anos nos que se investiron en colaborar coa asociación máis de catro millóns e medio de euros. Beatriz Mato destacou ademais a aposta do seu departamento por favorecer a atención e integración das persoas con diversidade funcional tal e como amosan as partidas orzamentarias e as novas prazas postas en servizo durante o pasado ano. Ademais da delegada territorial, Belén Docampo, acompañaron á Conselleira nesta visita diversos representantes do tecido empresarial e asociativo da comarca que colaboran coa asociación. No eido político destacou a presenza do deputado autonómico, Ramón Santos, e o senador Xosé Luís Torres Colomer, así como o alcalde de Boiro quen reiterou a necesidade de seguir colaborando, dende tódalas administracións, cunha entidade que presta un servizo tan necesario. Posteriormente, a Conselleira desprazouse ata Porto do Son para visitas as obras da futura gardería de Porto do Son que entrará en servizo de cara ó próximo curso. O novo inmoble, que se ubicará nas antigas dependencias do ISM, presenta un deseño singular para a súa mellor integración no entorno.