BOIRO> A Garda Civil de Boiro detivo a un veciño de Lousame como presunto autor do roubo da imaxe de Santa Rita na capela de Ponte Beluso. O detido facíase pasar por operario dunha empresa de obras e servizos para acceder ás instalacións sen levantar sospeitas.
En novembro do pasado ano subtraeu a imaxe de Santa Rita e outros obxectos de culto. Tan só dous meses despois, en xaneiro deste mesmo ano, repetiu o modus operandi levando consigo a nova imaxe da virxe.
Grazas ás pescudas realizadas durante a investigación, os axentes puideron recuperar as dúas imaxes así como un cadro e un rosario que foran doados polos veciños. O detido, que xa foi posto a disposición xudicial, enfronta dous delitos contra o Patrimonio e a Orde Socioeconómica.











