Boiro Novo solicita información sobre a actividade de Arousa Norte

    BOIRO> Boiro Novo rexistrou un escrito en Arousa Norte solicitando información sobre as políticas turísticas da mancomunidade. Piden datos sobre os plans de dinamización que está a desenvolver a entidade así como información orzamentaria das distintas actuacións e empresas encargadas de levalas a cabo. Hai unhas semanas que Boiro Novo denunciaba a falla de transparencia e o funcionamento opaco da mancomunidade de municipios Arousa Norte. Unha denuncia á que o actual presidente da entidade e alcalde de Boiro, Xoán Xosé Dieste, respondía dende o programa desta casa Pleno Aberto, instándolle a requirir da mancomunidade toda a información que solicitaban. Por esta razón, os representantes do novo partido político rexistraron esta mañá un escrito na sede da mancomunidade cunha serie de peticións relacionadas coas políticas de dinamización turística promovidas polo órgano comarcal. Dende Boiro Novo consideran que é o momento de renovar os estatutos e a xestión da mancomunidade promovendo a participación da oposición e dos movementos asociativos, en lugar de estar representados unicamente os grupos de goberno dos catro concellos. Por último propoñen a creación dun portal de transparencia para que os cidadáns teñan acceso libre á información do ámbito municipal e comarcal.