RIANXO> Mal arranque da campaña do bou de vara en Rianxo. Nestas primeiras xornadas, a principal especie é a volandeira aínda que tampouco abonda. Si acompañaron as cotizacións, chegando a dez euros a de primeira.
Aínda que hai pouca, a volandeira é a única especie que está a salvar a campaña no inicio do bou de vara. Das 20 embarcacións que saíron estas primeiras xornadas en Rianxo, non todas conseguiron acadar os topes de 50 quilos por tripulante cun máximo de 150 por barco. Menos presenza aínda da faneca da que non se chegaron a descargar nin un cento de quilos mentres que a nécora está practicamente desaparecida.
A cara positiva é a boa cotización da volandeira coa de primeira a dez euros e a máis pequena roldando os tres.
Con este panorama, non se agarda unha campaña moi longa. Dende a confraría daranse por satisfeitos se conseguen estendela ata xaneiro mentres agardan pola apertura de zonas aínda pechadas.











