RIBEIRA> O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta mañá na inauguración da III edición da feira Gastromar, organizada pola Asociación de Empresarios de Ribeira en colaboración co Concello, as confrarías locais, as cooperativas de armadores e varios locais hostaleiros.
Todos eles destacaron a importancia desta cita,. na que se busca a exaltación dos produtos locais do mar, con especial atención a aqueles peixes e mariscos que se descargan na lonxa da localidade, como é o caso do lirio e a xarda, pero na que non faltarán tamén outros produtos como son o polbo, a navalla ou ameixa.
A Deputación da Coruña ten unha presenza destacada nesta edición de Gastromar, cun stand propio, no que poderán degustarse varios tipos de mariscos como é caso do camarón, a navalla ou a ameixa.
Para o presidente da institución provincial a implicación da Deputación da Coruña con Gastromar é un bo exemplo do compromiso da Administración Provincial en poñer en valor a gastronomía local, coa promoción dos produtos de proximidade xa que, segundo el, o mar é unha fonte de emprego e económica fundamental na provincia.
González Formoso aproveitou tamén a ocasión para animar a veciños e visitantes a asistir a esta cita gastronómica.
Gastromar prolongarase durante toda a fin de semana, con actividades para tódolos públicos.
Durante os tres días desenvolveranse varios showcookings a cargo de reputados cociñeiros e haberá tamén obradoiros de ciencia divertida dirixidos especialmente ás familias que visiten a feira.