Porto do Son perde os fondos do PAI pola falla de acordo plenario

    PORTO DO SON> O concello de Porto do Son perderá os máis de douscentos cincuenta mil euros que lle corresponden do Plan de Aforro e Investimento da Deputación. A imposibilidade de chegar a un acordo coa oposición para aprobar os proxectos a incluír neste plan motivou a perda destes recursos que o executivo pretendía destinar a saneamento e amortización de débeda. O executivo sonense levou ó pleno do pasado venres a proposta a incluír no Plan de Aforro e Investimentos da Deputación no que ó concello lle correspondían máis de douscentos cincuenta e seis mil euros. O grupo de goberno propoñía destinar a metade do investimento a amortizar débeda e a outra metade a dotar de saneamento ós núcleos de Loreto, Resúa, Eiravedra e Puílla. Sen embargo, o voto en contra da oposición impediu sacar adiante a proposta que quedou sobre a mesa á espera de consensuar as actuacións a incluír neste plan. A falla dun acordo plenario, o concello perdeu os fondos do PAI, feito que o executivo atribúe á actitude irresponsable da oposición. Aínda así dende o concello afirmaron que xa están a traballar para conseguir o financiamento para realizar as obras de saneamento nestes núcleos. Tamén habilitarán os fondos precisos para manter o departamento de orientación laboral ó longo deste ano posto que non puido ser aprobado o suplemento de crédito para o financiamento deste servizo, subvencionado pola Xunta de Galicia. Pola súa banda, os grupos da oposición emitiron un comunicado conxunto explicando as razóns que lle levaron a rexeitar a proposta do executivo. Consideran que os cento trinta mil euros que se pretendían destinar á dotación de saneamento nos núcleos de Loreto, Resúa, Eiravedra e Puílla serían insuficientes para tal actuación polo que quedaría incompleta. Acusan ó goberno local de tentar vender unha actuación con fins electoralistas que finalmente non tería o resultado agardado. Pola contra, consideran que se tiña que ter destinado a totalidade do PAI deste ano ou mesmo do Plan de Obras e Servizos para acometer unha obra completa que dotara de saneamento ás máis de sesenta vivendas situadas nestes núcleos. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/18/polemicaplenoportodoson1802151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/18/polemicaplenoportodoson180215.mp4{/flowplayer}