O cerco demanda a unificación das zonas VIII c e IX a

    PORTO DO SON> Tralas intensas protestas do pasado ano que mantiveron paralizada durante meses á flota galega do cerco, este ano os profesionais deste sector afrontan unha situación aínda peor. Denuncian que as cotas asignadas para tódalas súas especies son insuficientes polo que piden á administracións un reparto axeitado ás necesidades reais da flota. Á espera da apertura da costeira da xarda, que probablemente se producirá o dous de marzo, o cerco galego mira con preocupación ó futuro. A diminución dos TAC en preto dun quince por cento, que establece o plan de xestión da pesquería, volve poñer contra as cordas este sector do que dependen na comunidade máis de mil cincocentas familias. Ademais da cota por tripulante solicitan a unificación das zonas oitava C e novena A para garantir a viabilidade de tódalas embarcacións.O arrastre xa está autorizado a pescar a especie dende o dezanove de xaneiro mentres que as artes menores apostaron este ano por unha apertura escalonada. A flota vasca xa traballa no caladoiro dende o pasado luns mentres que para Galicia non se abrirá a pesquería ata o 2 de marzo, na provincia de Lugo, e o 23 para A Coruña e Pontevedra. Deste xeito, trátase de adaptar as datas de apertura á propia migración da especie e darlle tempo a que desove, algo que sempre defenderon dende Acerga. Por outra banda, as previsións para a campaña da sardiña que arranca en marzo tampouco son moi optimistas xa que, en virtude do plan conxunto con Portugal, cada embarcación galega poderá pescar un máximo de tres mil quilos por semana co fin de poder alongar a pesquería ata finais de novembro. Aínda que é insuficiente, entenden que é preciso facer un esforzo para recuperar a especie. Con este panorama, o cerco non descarta retomar as mobilizacións, tal e como aconteceu o pasado ano cando a tensión entre sector e administración derivou nunha serie de enfrontamentos. Polo momento, trala reunión coa Ministra e á espera de ser recibidos polo presidente da Xunta, decidiron deixar a un lado as protestas aínda que todo dependerá dos acordos ós que se chegue. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/18/demandacotacercoinformar1802151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/18/demandacotacercoinformar180215.mp4{/flowplayer}