O PSOE de Boiro propón dotar dunha cafetería ó viveiro de empresas

    BOIRO> O PSOE de Boiro insiste na necesidade de poñer en servizo o viveiro de empresas e a escola de hostalería. Propoñen a dotación dunha cafetería no centro que daría servizo a todo o polígono que podería funcionar tamén como comedor social para as persoas máis necesitadas. Como xa ten solicitado en anteriores ocasións, a agrupación socialista de Boiro demandan que se retomen os proxectos para poñer a funcionar o viveiro de empresas e o centro de formación da hostalería. Consideran dende o PSOE que a creación dunha cafetería suporía un pulo para estas instalacións, emprazadas no polígono de Espiñeira, xa que poderían dar servizo ás empresas do recinto ó tempo que permite a capacitación dos alumnos a través de prácticas profesionais. Os socialistas van máis aló propoñendo mesmo a distribución de bonos sociais na propia cafetería, de xeito que se atenda ás familias máis necesitadas. Solicitarán ademais que a Mancomunidade de Municipios Arousa Norte estableza alianzas co sector hostaleiro da comarca para deseñar programas formativos que inclúan cursos de formación ocupacional ou obradoiros de inserción laboral. Con respecto ó viveiro de empresas, plantexarán tamén á ABE a posibilidade de trasladarse a este centro para prestar, dende alí, servizos de asesoramento e información ós novos emprendedores.