BOIRO> Boiro Novo solicita a instalación de pantaláns no porto de Cabo de Cruz, unha instalación que os usuarios levan anos demandando. Critican que as administracións prioricen a construción dunha mariña seca fronte á dotación de servizos básicos para que os profesionais poidan desenvolver o seu traballo. As duascentas vinte e seis embarcacións que teñen base en Cabo de Cruz dan idea da importancia deste porto arousá. Sen embargo, as súas instalacións presentan unha serie de carencias que dificultan o labor dos mariñeiros. A principal, tal e como denuncia Boiro Novo, é que non dispón de pantaláns o que afecta á operatividade do traballo e mesmo pode supoñer un risco contra a integridade física. A pesar das reiterada demandas dos profesionais, Boiro Novo denuncia que as administracións públicas non amosaron o máis mínimo interese para dotar ó porto destas instalacións. Fronte a isto, a asemblea cidadá critica a dilixencia e boa disposición tanto do concello como de Portos de Galicia para autorizar a construción dunha mariña seca no porto deportivo, que será executada grazas á colaboración de Jealsa. Ademais da construción de pantaláns Boiro Novo demanda a mellora doutros servizos e instalacións que utilizan os profesionais do mar, como por exemplo a apertura dos baños públicos nos areais onde traballan os mariscadores. Estas demandas foron recollidas nun escrito que a formación política rexistrou no concello de Boiro instando ó executivo a instar a Portos de Galicia a cumprir cos traballadores de Cabo de Cruz para garantir unhas condicións dignas, adecuadas e seguras. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/20/boironovoportocabodecruz2002151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/20/boironovoportocabodecruz200215.mp4{/flowplayer}
Inicio Barbanza - Muros - Noia










