Martín xa traballa nun equipo e nun programa que consigan a maioría absoluta ao PP

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/23/telmo_martin_sanxenxo.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/23/telmo_martin_sanxenxo.mp4{/flowplayer} 

     

    SANXENXO> Telmo Martín oficializou esta mañá a súa volta á política municipal de Sanxenxo. O xa alcaldable popular, compareceu ante a prensa por primeira vez para agradecer a confianza posta nel polo Partido Popular. Martín xa comezou a traballar no equipo que o acompañará nas vindeiras eleccións, unhas listas nas que contará con todos porque, asegurou, o importante son os veciños de Sanxenxo.

    Ilusionado, con ganas de traballar e orgulloso da confianza do seu partido. Así está Telmo Martín tras confirmarse a súa volta á política local como alcaldable do PP en Sanxenxo.

    Segundo Martín, hai menos dun mes que aceptou a proposta da súa formación. Dende entón, xa traballa para deseñar un proxecto ilusionante para os veciños de Sanxenxo. O emprego e o benestar serán dous piares básicos do seu programa, que tamén contará cunha data marcada en vermello: a chegada do AVE a Galicia. Está previsto que sexa no 2018, e Martín non quere perder a oportunidade para a vila.

    O xa alcaldable popular tamén eloxiou o actual goberno. Con eles mantivo unha xuntanza esta fin de semana e non desbotou que algúns repitan no equipo que está a conformar para acadar a maioría absoluta que permita manter a alcaldía.

    Sobre a súa acta de deputado, Martín asegurou que seguirá no Congreso. Incluso non pechou a porta a mantela de ser elixido alcalde o 24 de maio.

    Telmo Martín tamén quixo tender pontes aos partidos da oposición. O alcaldable popular asegura que xa mantivo conversas telefónicas con todos eles porque, asegurou, o importante é traballar por Sanxenxo.