O furtivismo reincidente será delito

    BARBANZA> O grupo Popular no Senado abre a porta á tipificación do furtivismo como delito a través dunha emenda á reforma do código penal. A práctica reincidente do marisqueo ilegal poderá castigarse con penas que van dende os seis meses ata os dous meses de prisión. A introdución desta emenda á reforma do código penal, que vén de iniciar a súa tramitación no Senado, cumpre cunha vella aspiración do sector marisqueiro que leva anos reclamando penas máis duras para os furtivos. A extracción ilegal seguirá tipificada como falta pero pasará a ser delito naqueles casos que reincidan. Deste xeito preténdese poñer fin a actual situación de impunidade nas que os infractores acumulan multas por este tipo de prácticas ás que non poden facer fronte, a maioría alegando situación de insolvencia. A partir de agora, os furtivos reincidentes enfrontaranse a penas de prisión, que van dende os seis meses ata os dous anos. A medida foi ben recibida entre as confrarías que, dende hai anos, solicitaban un endurecemento das sancións ós furtivos. Dende a Federación galega xa lle tiñan solicitado a reforma do código penal para acabar con esta práctica, cada vez máis frecuente e organizada, na ría de Arousa. Pola contra, para os furtivos non se trata dunha medida disuasoria. A pesar de que poida constituír un delito afirman que seguirán a baixar ós areais a traballar xa que se trata do seu único medio de vida. Critican que a administración aposte por sancionar en lugar de traballar por integrar a estes mariscadores ilegais que piden poder exercer o seu traballo dentro da legalidade. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/23/tipificaciondelitofurtivismo2302151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/23/tipificaciondelitofurtivismo230215.mp4{/flowplayer}