Pontevedra deslumbra en Dubai coa ‘cidade das persoas’

PONTEVEDRA> Xa está en Dubai a delegación pontevedresa que mañá recollerá o premio ONU-Hábitat en recoñecemento ó seu modelo de cidade. Esta mañá tocou realizar a presentación do proxecto levado a cabo. Os encargados: o alcalde pontevedrés Miguel Anxo Fernández Lores e o xefe da policía local Daniel Macenlle. Unha exposición que espertou moito interese e curiosidade por parte dos asistentes a este foro. ‘Pontevedra, unha cidade para as persoas’ é o título que abandeirou a presentación que o xefe da Policía Local Daniel Macenlle realizou esta mañá na xornada previa á entrega do Dubai Award. Nun foro no que se expuxeron os nove proxectos destacados, o de Pontevedra foi o que máis expectación causou. E é que o ONU Hábitat é un galardón que premia aquelas iniciativas que melloran a calidade de vida en todo o planeta. As propostas que mañá recibirán a distinción son en xeral proxectos de carácter humanitario, impulsados pola sociedade civil. Só o pontevedrés ten detrás a unha administración pública, e isto foi o que captou a atención dos asistentes. A expectación e o atractivo que causou no Zabell Hall o modelo de cidade implantado en Pontevedra espertou entre o público preguntas como ‘quen lidera esta transformación?’. A resposta do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores foi directa: ‘A cidadanía co apoio do concello’. Eses cambios son os que lles están a valer a Pontevedra numerosos premios e invitacións a foros de mobilidade de todo o mundo nos últimos anos. Chegar a recoller o ONU Hábitat foi un proceso longo e laborioso que pon aínda máis en valor a consecución do galardón. Mañá ás dez da mañá hora local, as sete da mañá aquí en Galicia, o alcalde recollerá o premio nunha gala na Sociedade Cultural e Científica de Dubai. Consistirá nunha figura conmemorativa e un premio económico de trinta mil dólares. Como comentaba o alcalde durante as xornadas preparativas da exposición de hoxe, máis aló do simbolismo do premio, o ONU Hábitat suporá para Pontevedra un incentivo máis para seguir adiante ‘coa cidade das persoas’. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/23/pontevedradubai.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/23/PONTEVEDRA_DUBAI.mp4{/flowplayer}