O PP de Poio pide que se eliminen os impostos e as taxas municipais aos afectados polo coronavirus

POIO> O PP de Poio pide que se eliminen os impostos e as taxas municipais ás familias e traballadores máis afectados pola crise do coronavirus. O obxectivo, paliar os efectos desta emerxencia sanitaria. Unha petición que foi trasladada ao goberno local nunha xunta de portavoces.

“A cero ingresos, cero impostos”. Esa é a proposta do PP de Poio para paliar os efectos da crise do coronavirus. Unha petición que foi trasladada por Ángel Moldes nunha xunta de portavoces e que, segundo os populares, é a única medida posible para tratar de minimizar as consecuencias económicas deste estado de alarma.

Nesta xunta de portavoces, o voceiro popular pediu tamén o consenso de toda a corporación para apoiar aos mariscadores. Ángel Moldes solicitou que se traslade ao Ministerio de Sanidade a petición da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de suspender a actividade de marisqueo durante o estado de alarma.

Esta petición dos populares foi apoiada polo resto dos grupos. Ademais, e mentres non se poida reunir o pleno, os voceiros acordaron tamén celebrar unha xunta de portavoces todos os xoves ás 11 horas.