O servizo de diálese no hospital da Barbanza verase ampliado a partir de xaneiro

BARBANZA> Segundo informaron fontes do propio hospital a partir desa data darase tratamento tódolos días en tódalas quendas, incluídas as tardes dos martes, xoves e sábados.

A unidade de Diálise do Hospital da Barbanza ampliará o seu horario a partir do próximo 24 de xaneiro. Segundo anunciou a propia Xerencia de Xestión Integrada de Santiago dotarase deste servizo ás quendas de tarde dos martes, xoves e sábados polo que quedará cuberto o servizo tódolos días en tódalas quendas. Con esta medida darase resposta ós pacientes que acudían a Santiago a recibir diálise, que a partir de agora poderán facelo no hospital de Oleiros. A xerencia toma esta decisión en base ó incremento de pacientes que precisan ser dializados na área da Barbanza, e que se fai posible grazas a incorporación dun nefrólogo, do que non se dispoñía ata este momento. Dende o centro puxéronse xa en contacto con cada un dos pacientes afectados, para comunicarlles que a partir desa data, poderán recibir o tratamento no centro hospitalario de Ribeira sen necesidade de desprazarse a Compostela.

O anuncio prodúcese despois de coñecer o calendario de concentracións previstas pola Plataforma en defensa da sanidade pública da comarca da Barbanza para esixir precisamente a ampliación do servizo de diálise a tempo completo tódolos días da semana. Unas concentracións ás portas do propio hospital que tiñan previsto iniciarse a partir de mañá. Tódolos venres ás once. Mobilizacións ás que dende a Plataforma animaban a acudir, tanto a pacientes, como a familiares e traballadores, así como tamén á cidadanía en xeral.