Uns 200 atletas participarán no IV Duatlón Concello de Noia

NOIA> A proba terá lugar este próximo sábado, 28 de febreiro, e estará incluída no calendario galego da especialidade. Uns douscentos atletas, tanto en categoría masculina coma feminina, chegados de diferentes clubs de toda Galicia disputarán este próximo sábado a cuarta edición do Duatlón Concello de Noia. A proba, que estará aberta só a federados, abre o calendario galego desta especialidade, formado por un total de catro probas en distintas cidades galegas, cunha final en Santiago o vindeiro mes de abril, da que sairán os futuros campións galegos. O inicio da carreira será dende o paseo marítimo. Dividirase nun treito a pé de cinco quilómetros, outro en bicicleta de 20 e de novo outro a pé de dous quilómetros e medio. Os primeiros en saír serán os da categoría masculina sen tempo de corte será ás tres e media da tarde, ós que lle seguirá a categoría feminina e posteriormente aqueles corredores con mellores tempos. Dende a Federación Galega de Triatlón quixeron destacar tamén o nivel dos participantes inscritos. Susana Rodríguez, María Martínez e Mónica Montes, na categoría feminina, e o mexicano Abrahan Castellanos, Gustavo Caballero e Brais Misa, en categoría masculina, son a priori os principais favoritos a levarse a vitoria. Dende a organización quixeron agradecer o esforzo e a colaboración que presta o concello noiés, así como tamén as distintas casas comerciais, xa que sen a súa axuda sería imposible poder desenvolver esta proba.