Porto do Son converterase este sábado na capital do surf galego

PORTO DO SON> A casa de cultura acollerá a gala anual da Federación Galega de Surf, na que entregarán os premios ós mellores surfistas da comunidade nas distintas categorías. Porto do Son converterase este sábado na capital do surf galego grazas á celebración, na casa de cultura da localidade, da Gala do Surf 2014, na que se premiará os campións autonómicos nas distintas categorías. A cita, que arrancará as oito da tarde, está organizada pola Federación Galega de Surf, que conta coa colaboración do club local, Arealonga Surf Club, e o propio concello sonense. Ademais da gala en si, desenvolverase paralelamente outra actividade que consistirá nunha xornada de detección de talentos que terá lugar na praia de Río Sieira. Dende o concello agradecéronlle á Federación o ter reparado na localidade para desenvolver esta gala, a primeira vez que se celebra fóra dunha gran cidade. Varias son as razóns deste cambio, unha delas o enorme potencial da costa sonense para a práctica deste deporte, e outra o auxe que está a adquirir esta actividade no concello grazas en parte tamén o traballo que desenvolve a escola municipal. No caso de que as condicións metereolóxicas no mar sexan moi adversas, a cita podería verse aprazada para outra data.