A promoción turística das Rías Baixas chega a tres museos da Península

PONTEVEDRA> Achégase a Semana Santa e os hostaleiros xa comezan a mirar cara o ceo, e é que o éxito da campaña dependerá en gran medida do tempo. Por promoción, que non quede. A Deputación de Pontevedra iniciará a vindeira semana unha forte campaña para dar a coñecer o destino Rías Baixas, que ademais de apostar polo marketing online e as feiras internacionais, as levará a tres museos da Península Ibérica.

 

Os hostaleiros agardan con esperanza esta Semana Santa. Dende o Clúster de Turismo de Galicia notan que as cifras do sector vanse recuperando e deixando atrás a crise. Así as cousas, o tempo pode ser o mellor aliado ou o peor inimigo.

Para reforzar o traballo deste sector nas Rías Baixas, a Deputación de Pontevedra arrancará a vindeira semana unha campaña para promocionar o destino. As principais novidades son os escenarios. E é que as Rías Baixas estarán nos museos Gugenheim de Bilbao, Raíña Sofía de Madrid e o Museo de Serralves, en Oporto.

A campaña apostará tamén por Internet, coa presenza en Destinia, Minube e Google, e polas canles máis tradicionais. Está previsto que Turismo Rías Baixas estea nas feiras internacionais de Londres e Berlín; unha acción que se completará cunha visita dos touroperadores á zona.

Nestas feiras, as Rías Baixas estarán amparadas polo paraugas de Turismo de Galicia. Hoxe, a súa responsable amosábase optimista sobre o futuro do sector.

O labor de promoción da Deputación de Pontevedra podería ter premio. O seu Smart Destination Pontevedra: El origen de tu destino foi seleccionado como proxecto finalista para optar aos premios Fundetec , na categoría de Mellor proxecto de entidade pública para a cidadanía. Os galardóns entréganse o 5 de marzo.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/27/promocion_rias_baixas.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/27/promocion_rias_baixas.mp4{/flowplayer}