As obras de humanización da PO-308 arrancarán en Poio no mes de setembro

POIO> Acordo entre a Xunta de Galicia e o concello de Poio para levar adiante a humanización da PO308. O convenio asinado hoxe contempla unha primeira fase da actuación, que afectará ao treito comprendido entre a rotonda da ponte da Barca e o Casal de Ferreirós. A obra, que conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros, iniciarase no mes de setembro. O acordo contempla tamén o traspaso da estrada, que pasará a ser de titularidade municipal.

A Xunta e o concello de Poio colaborarán para levar adiante a humanización da PO-308. A actuación comezará cunha primeira fase, que abrangue dende a rotonda da Barca ata o Casal de Ferreirós.

Neste treito reordenarase o espazo público, renovarase o firme, ampliaranse as beirarrúas e elevaranse os pasos de peóns. Tamén se crearán aparcadoiros, zonas de carga e descarga e prazas para persoas con mobilidade reducida. Ademais, instalarase mobiliario urbano. A obra está orzamentada en máis de 1,7 millóns de euros, dos que o concello achegará o 30%.

O concello encargarase tamén da súa licitación e execución. O obxectivo é que se poida iniciar en setembro, tralo paso de La Vuelta Ciclista a España por este punto. As obras prolongaranse ao redor dun ano. Ademais, segundo o acordado, a estrada pasará a ser de titularidade municipal.

Moldes aproveitou o acto de hoxe para reclamar ao presidente da Xunta que a intervención non remate definitivamente no Casal de Ferreirós. A intención é que en futuras fases a humanización da PO-308 continúe ata a gasolineira da costa de Albar.