A área sanitaria quere reducir as listas de agarda de cirurxía en 10 días para igualar os datos de 2019

PONTEVEDRA> 49,4 días é o tempo medio que ten que agardar un paciente para ser operado na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Son os últimos datos dos que dispón a xerencia e corresponden a xuño deste ano. O obxectivo, segundo o xerente José Flores, é reducir esta espera en 10 días para situala nos datos de 2019, previos á pandemia.

Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, os pacientes que agardan por unha operación cirúrxica teñen que agardar unha media de 49,4 días. Son datos do mes de xuño deste ano, os últimos dos que dispón a xerencia.

Nos casos máis urxentes, aqueles considerados de prioridade 1, a espera sitúase nos 14 días. Actualmente, na área sanitaria hai 37 pacientes que levan máis de 6 meses agardando para ser operados. A intención da xerencia é ofrecerlles unha alternativa antes de finais de ano.

Segundo Flores, actualmente os quirófanos traballan ao 100% do seu rendemento. O obxectivo da área é mellorar estes datos das listas de agarda, acadando as cifras previas á pandemia.

En canto á agarda para as probas diagnósticas, en radioloxía a media é de 74,1 días. No que se refire ás consultas primeiras consultas das especialidades, o dato baixa ata os 42,3 días. Neste caso, as maiores demoras rexístranse en Pediatría, Anestesioloxía e Reanimación, Rehabilitación e Neuroloxía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí