O TSXG avalía os recursos á polémica sentencia do crime de Guillán

    VILAGARCÍA> A familia de Alfonso Gómez Lorenzo, a vítima do coñecido como crime de Guillán de Vilagarcía, reviviu esta mañá o fratricidio acontecido en setembro do 2012. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia acolleu a vista na que se avaliaron os recursos contra a polémica sentencia da Audiencia de Pontevedra, que ratificou o veredito do xurado popular condenando ó irmán do falecido a once meses e quince días de cadea por homicidio imprudente. Nin defensa nin acusación particular quedaron satisfeitos co fallo. Tralo xuízo celebrado na Audiencia Provincial de Pontevedra ante un xurado popular, en xullo do 2014 o tribunal ditaba sentencia sobre o coñecido como crime de Guillán. Condenaba ó acusado, Santiago Gómez Lorenzo, a once meses e 15 días de prisión polo delito de homicidio imprudente. Confirmaban así o veredicto emitido polo xurado popular, ó considerar que Gómez disparara contra o seu irmán en lexítima defensa. Os feitos acontecían en setembro do ano 2012. Segundo recolleu a sentencia, o vilagarcián Alfonso Gómez Lorenzo falecía desangrado despois de recibir un disparo na perna esquerda que lle atravesou a arteria femoral. O tiro procedía da arma do seu irmán, Santiago Gómez. Desde o primeiro momento, e durante o xuízo, Gómez mantivo que disparara en defensa propia, porque o seu irmán lle estaba ameazando cunha navalla. Trala súa detención foi a cadea. Desde ese intre e ata o ditado da sentencia transcorreron dous anos. Pasaba dos once meses e quince días da condena. Polo que tralo veredito do xurado o xuíz decretou a súa saída en liberdade. Pero nin defensa nin acusación particular quedaron satisfeitos co fallo. O letrado de Santiago Gómez mantén que o seu cliente actuou movido por un medo insuperable, co que pide a libre absolución e considera desproporcionada a condena e indemnizacións. O avogado da familia directa, viúva e fillas, considera que o acusado debería ser condenado por asasinato, por tanto castigado con 15 a 20 anos de prisión, ou por homicidio, penado con de 10 a 15 anos de cadea. Agora será o Alto Tribunal o que decida.