Arousa Norte aproba o orzamento para 2015

    BOIRO> A Mancomunidade Arousa Norte aprobou inicialmente o seu orzamento para o presente ano que ascende a cento sesenta mil euros. A intención do ente comarcal é complementar este presuposto coas achegas das diferentes administracións co que a final de ano podería terse duplicado. O pleno celebrado pola mancomunidade de municipios Arousa Norte tiña como punto central a aprobación inicial dos orzamentos para 2015. Estes ascende a cento sesenta mil euros que se destinan fundamentalmente a gasto corrente e gasto de persoal. Sen embargo, esta cifra verase notablemente aumentado coas subvencións procedentes doutras administracións polo que podería rematar o exercicio superando os trescentos mil euros. Precisamente, na sesión aprobáronse unha serie de subvencións procedentes de Deputación da Coruña destinadas á promoción do deporte e do turismo. Tamén se dou o visto bo ás achegas dos concellos e da mancomunidade para a oferta de rutas marítimas no histórico balandro Joaquín Vieta. Con respecto ás demandas de transparencia formuladas por Boiro Novo sobre as contas da mancomunidade, o presidente informou que se lle entregará toda a documentación requirida unha vez se proceda á aprobación definitiva dos actuais orzamentos e á liquidación do pasado exercicio. En canto á petición de reformar a estrutura da entidade abríndoa á participación dos grupos da oposición, Xoán Xosé Dieste insistiu en que deberán ser os novos gobernos municipais saídos das urnas en maio os que decidirán se é preciso cambiar os estatutos.