BARBANZA> Os alcaldes dos catro concellos que integran a mancomunidade reuníronse co vicepresidente da institución provincial, Xosé Regueira, para analizar as accións de promoción turística e cultural a desenvolver.
O proxecto de Xeoparque Idade de Ferro que promove a Mancomunidade Arousa Norte co respaldo da Deputación da Coruña ten como obxectivo contribuír á promoción turística da zona e poñer en valor os recursos arqueolóxicos dun territorio especialmente rico en patrimonio. Trátase dun ambicioso proxecto que incluirá dende escavacións e sinalización dos principais recursos ata o deseño e a realización de rutas, ademais da elaboración de ferramentas de divulgación e visibilización. En definitiva, converter a Arousa Norte nun referente histórico arredor da Idade do Ferro.
O Castro de Isorna, en Rianxo; os castros de Neixón e do Achadizo, en Boiro; o de Croa de Postmarcos, na Pobra do Caramiñal, e o Castro da Cidá, en Ribeira son algúns dos recursos deste proxecto que contará con identidade propia e actuacións para a mellora de sinalización e accesibilidade dos principais emprazamentos. A Deputación da Coruña destinará a este proxecto uns cincocentos mil euros para desenvolver unha acción similar á realizada no Xeoparque de Ortegal, no Parque do Megalitismo da Costa da Morte ou no Compostela Rupestre.