RIBEIRA > Profesores e membros da ANPA do IES Coroso permaneceron durante toda a noite pechados nas dependencias do centro educativo como forma de protesta ante a supresión das clases de Secundaria. A decisión de levar a cabo o encerro vén despois de diversas medidas de presión realizadas polo colectivo que seguen sen obter resultados.
A opción de suprimir de xeito gradual a Ensinanza Secundaria Obrigatoria non supón ningunha solución para a comunidade educativa do Instituto de Coroso en Ribeira que ven como un dos centros de referencia do municipio vai ser desmantelado, favorecendo a ensinanza privada en detrimento da pública. Na tarde do xoves os representantes do centro mantiveron unha xuntanza cos deputados nacionalistas Ana Pontón e Manuel Parga para coñecer as iniciativas parlamentarias presentadas ó respecto.
No transcurso deste tenso encontro, os pais afectados instaron ós deputados a esgotar tódalas vías posibles para a paralización da medida. Tras escoitar diversas recriminacións por non ter impugnado o decreto dentro dos prazos regulamentarios, os nacionalistas explicaron que a súa prioridade é garantir o ensino público de calidade, minimizando os impactos que poida ter a aplicación do decreto.
Os deputados explicaron ó público asistente que o organismo competente para impugna-la norma é a Xunta e non o Parlamento polo que xa teñen solicitado unha comparecencia da conselleira de Educación ademais de ter presentado diversas preguntas e iniciativas. Tras esta reunión na que se sucederon algúns episodios de tensión, os pais dos alumnos afectados desprazáronse ata os pasos de peóns situados nas inmediacións do centro co obxectivo de interrompe-lo tráfico cruzando a estrada en repetidas ocasións.
No transcurso desta concentración, desautorizada pola subdelegación do goberno na Coruña, pais e alumnos expresaron a súa negativa a suprimi-la secundaria neste centro posto que están máis que satisfeitos co servizo que presta. Unha vez disolta a manifestación ante a presenza da Policía Local, os manifestantes desprazáronse ata o instituto onde permaneceron pechados durante toda a noite. As mobilizacións continuarán o sábado cunha nova manifestación que discorrerá polo casco urbano de Ribeira a partir das doce da mañá. Así mesmo, os profesores do centro non descartan iniciar un peche indefinido no empeño de que sexan escoitadas as súas demandas.
Redacción Barbanza