CAMBADOS> Localizan restos humanos dentro dun coche que estaba no fondo da auga no porto de Tragove, en Cambados. Na zona montouse un operativo para retira-lo vehículo que, todo apunta, levaba meses mergullado. A investigación está en marcha para tentar identifica-la vítima e as causas da súa morte.
Unha chamada á Garda Civil alertando da presenza dun vehículo no fondo da auga no Porto de Tragove, en Cambados, foi a que desencadenou todo o operativo.
Ata esta zona desprazáronse efectivos do Instituto Armado e tamén do GEAS, o Grupo Especial de Actividades Subacuáticas.
O vehículo foi retirado contra a unha do mediodía. Atendendo ao seu estado, todo apunta a que levaba meses alí mergullado. No seu interior atopáronse restos humanos que, como o coche, tamén poderían levar meses alí.
Nestes momentos xa está en marcha unha investigación para tentar aclara-la identidade da vítima e tamén as causas que rodean a súa morte. Está previsto que nas vindeiras horas se lle practique a autopsia.
A falta dunha confirmación oficial, todo apunta a que a vítima podería ser un veciño do municipio cambadés, desaparecido dende abril de 2022. Unha hipótese que tamén baralla nestes momentos a Garda Civil, á espera dos resultados forenses.