O PP rexeita a proposta da oposición para celebrar os plenos cada mes

BOIRO> Tenso pleno o vivido esta mañá en Boiro. Catro grupos da oposición convocaron esta sesión extraordinaria para tratar diversos puntos sobre a estrutura organizativa do pleno. Demandaban o aumento da periodicidade dos plenos  e a mellora dos mecanismos de participación cidadá.

Ningún dos puntos que conformaban a orde do día do pleno extraordinario saíu ó diante ante a negativa do PP a modificar unha estrutura que xa foi aprobada ó inicio da lexislatura no pleno de organización.

Dende os grupos da oposición insistiron na necesidade de celebrar plenos de xeito mensual e non cada dous meses como acontece na actualidade. Como resultado desta escasa periodicidade moitas das sesións quedan sen debater e non se chegou ata o momento en ningún pleno ó punto de rogos e preguntas.

Aínda que votou a favor da maioría dos puntos, o BNG desmarcouse da convocatoria do pleno por non ter sido convocado ás conversas previas, algo que consideran grave tratándose da primeira forza da oposición.

Ademais da modifciación da periodicidade, dende a oposición solicitaban a publicidade dos plenos, a intervención dos cocnelleiros do grupo de goberno nas áreas que competan a cada delegación e o acceso público ás sesión a través de internet. Tamén reclamaron unha mellora dos mecanismos de participación cidadá, a creación da xunta de voceiros, a execución de tódolos acordos plenarios e a posta a disposición de locais para os grupos da oposición na casa consistorial.