Derbi de altura en Barraña este domingo coa visita do Pontevedra

BOIRO> A directiva do club boirense declarou a xornada como día do club e agarda unha ampla presenza de afeccionados nas bancadas. Imaxes coma esta, vivida no pasado derbi contra o Arousa, cunha grada repleta de afeccionados, esperan vivirse este próximo domingo en Barraña, no encontro que enfrontará ó equipo local, o Club Deportivo Boiro, e o Pontevedra. O equipo da cidade do Lérez chega a Boiro como líder destacado da categoría con 61 puntos. Dos últimos cinco encontros, os de Luisito lograron vencer nos cinco, avantaxando ó segundo clasificado, o Cerceda a nove puntos. Pola contra o conxunto local en peor situación, suma tan só 29 puntos, ocupando a antepenúltima posición na táboa. Por esta razón o encontro antóllase clave para os boirenses que de non acadar os tres puntos terían xa menos opcións de lograr a permanencia na categoría. Lonxe quedan as aspiracións de principios de temporada na que os boirenses soñaban repetir os éxitos da campaña anterior na que xogaron a fase de ascenso a Segunda División B. A directiva do Club Deportivo Boiro declarou este partido coma día do club, polo que tódolos afeccionados que se acheguen o domingo a Barraña, sexan socios ou non, deberán aboar a súa entrada. O comezo do choque está previsto para as cinco da tarde.