O Atlético de Madrid e o Porto foron os gañadores do Torneo Internacional Congalsa de Fútbol Base

RIBEIRA> O estadio municipal da Fieiteira en Ribeira acollía esta pasada fin de semana, nas xornadas do sábado e do domingo, o Torneo Internacional Congalsa de Fútbol Base Concello de Ribeira para as categorías benxamín e alevín.

A cita reuniu a un total de 53 equipos. Algún deles representantes das mellores canterías a nivel nacional e internacional como é o caso do Porto, o Benfica, o Villareal, o Betis ou o Atlético de Madrid.

Foi precisamente este último club, o Atlético o que se levou a vitoria na categoría alevín, despois de impoñeerse nunha final moi disputada ó Villareal. Os madrileños vencían na quenda de penaltis, despois de chegar ó final do encontro empatados.

En canto á categoría benxamín, o trunfo foi para o Porto. O equipo luso vencía na final ó Betis, por un claro 3 a 0.

O torneo volveu a estar de dez, tanto pola organización como polo éxito de público nas gradas.

Á fronte dun amplo cadro de colaboradores que traballaron arreo para que non faltase o máis mínimo detalle, Julio Mariño, que esta mañá se mostraba exultante co resultado obtido.

No capítulo de agradecementos volveu a mostrar a súa satisfacción polo apoio recibido por parte das empresas colaboradoras, en especial a Congalsa, principal patrocinadora do Torneo, así como tamén ó empresario Ramiro Carregal, que a título persoal tamén colaborou co evento.

Mariño tivo tamén palabras de agradecemento para o Concello, a través do Servizo de Deportes, e o Club Cidade de Ribeira, pola implicación mostrada co Torneo, que se está consolidando como un dos máis importantes de fútbol base a nivel nacional.

A cita tivo tamén un retorno económico importante para a zona, xa que case tódolos hoteis da contorna estiveron completos durante toda a fin de semana.

Pero ademais do deportivo, o torneo ten un marcado carácter solidario. Nos próximos días, unha vez realizado o balance de ingresos e gastos, darase a coñecer a cantidade recadada a través da venda de entradas e rifas, que irán a parar na súa totalidade á fundación Aladina, que traballa no coidado de nenos con cancro.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí