O BNG ribeirense presenta o primeiro tramo da súa candidatura

    RIBEIRA> Os actuais edís, Luís Pérez Barral e Xosé Antón Parada irán no posto dous e catro respectivamente, mentres que o número tres e o cinco da candidatura serán ocupados por caras novas, neste caso Pilar Sampedro e Elvira Blanco. O BNG de Ribeira presentou esta mañá ás persoas que ocuparán os cinco primeiros postos na lista coa que a formación concorrerá ás vindeiras eleccións municipais de maio. Xunto ó xa coñecido cabeza de lista, Xosé Antonio Vázquez Cobas, figuran en segundo e cuarto lugar, os actuais concelleiros na corporación municipal, Luís Pérez Barral e Xosé Antón Parada. Caras novas para o terceiro e o quinto, coa presenza de Pilar Sampedro e Elvira Blanco, nomes saídos do proceso de asembleas abertas desenvolvido polo partido nos últimos meses, sen experiencia política anterior. Foi precisamente a deputada no Congreso, e membro do Consello Nacional do BNG, Rosana Pérez, a encargada de presentar os cinco primeiros integrantes da candidatura coa que os nacionalistas aspiran a acadar a alcaldía. O candidato á alcaldía, Xosé Antonio Vázquez Cobas, fixo referencia na súa intervención á cales serán os eixos centrais do seu programa de goberno, baseado na transparencia e a participación vecinal, tendo como principal finalidade a creación de emprego.