O BNG reclama a regularización duns terreos municipais en Couso

    RIBEIRA> O BNG de Ribeira reclama ó goberno local a regularización no Inventario Municipal dos terreos do lugar do Couso, en Aguiño, que foron cedidos a veciños con dificultades hai décadas. Afirman que a picaresca fixo que algúns veciños se estean aproveitando de parcelas que son de todos. 

     

    O pasado día dez de febreiro, rematou o prazo de exposición pública do primeiro Inventario municipal de Bens e Patrimonio. Segundo denuncia o BNG, ó ser o primeiro inventario en moitos anos, xorden agora problemas urbanísticos en distintas propiedades do concello de Ribeira. Un destes casos é o dos terreos de propiedade municipal no lugar de Couso, na parroquia ribeirense de Aguiño. Desde o BNG entenden que a súa obriga é defender o interese xeral de todo o concello, e en particular, os bens públicos. Por iso, os nacionalistas presentaron un escrito reclamando a titulariedade e ocupación destes terreos municipais. Esta petición comprende o BNG que ten unha complexa solución, e que levará o seu tempo conseguir a regularización, pero entenden que como representantes públicos deben garantir que as propiedade públicas non sexan usurpadas por ninguén. Aseguran tamén que este é o momento en que se debe abordar este conflito, cando hai un inventario municipal en pleno proceso de aprobación .