O PSOE de Rianxo bota en falta máis diálogo para consensuar a proposta de orzamentos

RIANXO> Rianxo en Común levará este xoves a pleno a súa proposta de orzamentos. A aprobación está no aire posto que o PSOE, grupo con que asinou un acordo para os puntos clave da lexislatura, bota de menos varios puntos no documento proposto polo goberno.

O borrador remitido polo grupo de goberno de Rianxo non termina de convencer ós socialistas que botan en falta unha serie de partidas. Entre elas, un aumento das contías para asociacións de comerciantes para as que tan só se destinan dez mil euros ou o financiamento para o plan concilia. Critican ademais que por segundo ano se manteñan as mesmas subvencións nominativas para entidades deportivas en lugar de propoñer unha equiparación á alza a través dun modelo de concorrencia competitiva.

Dende o PSOE consideran ademais que non se contempla o déficit que veñen arrastrando as contas municipais dende o pasado ano co consecuente prexuízo para futuros exercicios.

A vontade dos socialistas é cumprir co acordo asinado hai unhas semanas para sacar adiante puntos claves da lexislatura como os orzamentos. Sen embargo, apelan a un maior diálogo por parte dun executivo que goberna en minoría.