Aparatoso accidente sen feridos na autovía do Barbanza

    POBRA> A volta das chuvias trouxeron consigo tamén os primeiros accidentes. Este mediodía, ó redor das dúas da tarde, producíase unha espectacular saída de vía na autovía do Barbanza, á altura da Pobra do Caramiñal. Por causas descoñecidas, un turismo que circulaba en dirección a Ribeira saíuse da vía, dando varias voltas ata quedar volcado enriba do arcén. Por fortuna non houbo que lamentar danos persoais. O condutor, e único ocupante do vehículo, puido saír polo seu propio pé, presentando feridas leves e aparentemente de escasa consideración. Ata o lugar do accidente achegáronse diferentes equipos de emerxencias, entre eles Protección Civil da Pobra e Garda Civil, así como unha ambulancia que trasladou o ‘afortunado’ condutor ata o centro hospitalario.