Costas arranxará de urxencia os desperfectos no paseo do Areal

    POBRA> O xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, e o alcalde, Isaac Maceiras, supervisaron a zona e anunciaron a actuación que será realizada de inmediato. O alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras, acompañou ó Xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Rafael Eimil, na visita que este realizou á zona do paseo do Areal que resultou afectado polo temporal desta fin de semana. O forte vento e as mareas vivas provocaron o desprendemento de parte do muro que sirve de contención do paseo e que limita tamén a praia. O estado no que se atopa e o perigo de que vaia a máis, fai necesaria a realización dunha actuación con urxencia e en condicións. A actuación, que aínda non dispón de orzamento, xa que se están pendentes dos informes que elaboren os técnicos da Demarcación de Costas en Galicia, así como tamén da empresa pública Tragsa, que acometerá os traballos, será realizada de inmediato. Un feito que agradecen dende o concello pobrense. A falla de apenas unha semana para o comezo da Semana Santa, parece improbable que a actuación estea rematada para esas datas. Aínda así dende Costas e dende o propio concello comprometéronse a realizar unha apertura parcial do paseo nesa zona, que a día de hoxe continúa pechado ó público.