Lousame contará cunha Aula Senior da UNED para o curso 2015-16

    LOUSAME> A iniciativa, que foi presentada esta mañá no concello, ofertará cursos formativos para maiores de 55 anos en temas relacionados con agricultura ecolóxica, a gandeiría ou o sector forestal. O albergue de Toxosoutos converterase a partir do mes de outubro na aula da UNED-Senior en Lousame, na que se ofrecerán cursos formativos a maiores de 55 anos relacionados cos “saberes rurais”, aqueles relacionados co desenvolvemento agrícola, gandeiro, cultural e forestal do noso rural. A iniciativa que foi presentada esta mañá no concello supón un paso máis para a conservación de todo ese saber rural segundo sinalou a propia alcaldesa, Teresa Villaverde. O director da UNED-Coruña, Germán Carro Fernández, indicou que a aula da UNED-Senior de Lousame nace como unha resposta ás necesidades formativas da xente maior nas áreas rurais, aínda que tamén busca aproveitar os seus coñecementos e as súas experiencias Pola súa banda o coordinador da UNED-Senior da Coruña, Luís Ángel Rodríguez Patiño, fixo referencia na importancia da aula da UNED-Senior de Lousame para recuperar a memoria dos maiores, pero tamén como instrumento para que outra xente con formación en Lousame poida colaborar coa aula e atopar traballo. A aula da UNED de Lousame botará a andar na primeira semana de outubro. As inscricións poderán realizarse ata o 25 de outubro na Casa da Cultura ou a través da propia UNED.