PONTEVEDRA> O pleno de Pontevedra desta mañá estivo marcado pola presenza dos veciños no Teatro Principal. As reclamacións de saneamento dos habitantes de Pazos, en Mourente, e a oposición dos funcionarios á privatización dos rexistros civís, atoparon un oco na orde do día mediante dúas mocións de PP e BNG, respectivamente. O pleno tamén aprobou, por unanimidade a nova ordenanza para regular a inspección técnica para os edificios máis antigos da cidade.
Pontevedra conta cunha nova ordenanza para velar polo estado de conservación dos edificios máis antigos da cidade. O pleno aprobou hoxe por unanimidade o texto, que regula a realización de inspeccións técnicas nestes inmobles. Así as cousas, os populares pediron ao concello que busque axudas para os propietarios que as teñan que realizar.
A sesión desta mañá estivo marcada pola presenza veciñal. Na bancada do Teatro Principal sentaron un grupo de funcionarios opositores á privatización dos rexistros civís. A súa reclamación atopou eco na orde do día cunha moción do BNG, esixindo ao goberno que non privatice este servizo. O documento contou co apoio do PSOE e de María Biempica, mais non do PP. Os populares votaron en contra, aseguraron que os cambios permitirán que o servizo sexa máis eficiente que o actual e negaron esa privatización.
Noutra moción, os populares solicitaron que o superávit nas contas municipais se destine a completar o saneamento do rural, dando voz a preto de vinte veciños de Mourente e Bora que acudiron ao pleno a reclamar eses servizos. A moción foi rexeitada cos votos de BNG e PSOE, que aseguraron que as obras para dotar de saneamento varios lugares de Mourente están pendentes de que o Ministerio de Fomento arranque os traballos de reforma que están previstos na N-541. Insistiron en que o concello xa conta cunha consignación de 995 mil euros no orzamento para esta intervención.
{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/23/pleno_pontevedra.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/23/pleno_pontevedra.mp4{/flowplayer}