PONTEVEDRA> A Rede Ágora fai balance do seu percorrido. Hoxe celebrouse a segunda asemblea da iniciativa, cunha retrospectiva sobre os 31 proxectos e sete intervencións que se executan coas subvencións desta rede. Actuacións que ata o de agora permitiron recuperar máis de 100.000 metros cadrados de espazo público na provincia de Pontevedra.
31 proxectos e 7 intervencións estanse a desenvolver en diferentes concellos da provincia de Pontevedra grazas á Rede Ágora. Son actuacións que se corresponden coas achegas do ano 2021.
Estes foron algúns dos datos que se puxeron sobre a mesa na segunda asemblea de concellos da Rede Ágora. Proxectos que se levan adiante grazas, tamén a outros programas da Deputación e fondos europeos.
Neste encontro explicáronse tamén as novidades das subvencións Ágora 2022, dotada con case dous millóns de euros para a redacción de proxectos.
Ademais, por primeira vez nesta convocatoria a Deputación porá a disposición dos Concellos Ágora unha ordenanza de mobilidade. Un texto que servirá de base para as normativas municipais.
A segunda asemblea aproveitouse tamén para trasladar aos representantes dos concellos algúns dos contidos da segunda edición da Facultade Ágora. A iniciativa será máis práctica e descentralizada, e incluirá un obradoiro formativo para policías locais.