PONTEVEDRA> O Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza presentou esta semana o resultado dun novo proxecto de innovación. Trátase dunha máquina de vending que achega ao cliente unha oferta ben diferente á que estamos afeitos. Os típicos doces ou snacks quedan substituídos por pratos completos elaborados con produtos quilómetro cero. Unha proposta pioneira en España que pode ter o seu oco en hoteis, empresas ou hospitais.
Estamos afeitos a que a oferta das máquinas de vending teñan este aspecto…
Pero que lles parecería mudar estes produtos procesados por pratos elaborados con ingredientes de proximidade? É a proposta que nos fai o Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza.
Esta semana puideron por fin presentar o proxecto ‘Comida saudable a todas horas’, no que traballan dende o 2023. Trátase dunha máquina de vending que nos ofrece un prato totalmente listo para comer.
Lacón con grelos, carrilleira de porco celta, pescada á mariñeira ou caldeirada de polbo. Tamén hai parte doce, como torta de mazá ou de queixo do Cebreiro. Son algunhas das 20 propostas coas que están a traballar despois de testar o seu comportamento.
Para facer realidade o que tiñan en mente tiveron que desprazarse ata Italia. Alí atoparon esta máquina que cubre todas as necesidades para garantir que o consumidor vai gozar do prato nas condicións óptimas.
Esta máquina podería ser útil, por exemplo, en hospitais ou hoteis para cubrir os horarios nos que non está dispoñible o servizo de restaurante. Tamén en empresas ou centros escolares que non contan con esa opción.
Polo de momento, en España unha máquina de vending destas características só pode atoparse aquí, no centro pontevedrés do Carlos Oroza. Pero noutras partes do mundo trátase dunha oferta que gaña cada vez máis adeptos.
Os pratos que saen desta máquina están envasados en barquetas 100% compostables, elaborados con fécula de maíz. Tamén os cubertos. Como ven, todos os ingredientes do proxecto están coidados ao detalle para facer desta unha proposta redonda.