O renovado transporte urbano de Pontevedra por fin está en marcha

PONTEVEDRA> Pontevedra estrea hoxe novo transporte urbano. As dúas novas liñas percorren a cidade, con 30 paradas, conectando tamén co barrio de Monte Porreiro e o Hospital Montecelo. O novo servizo arranca con case 7.000 usuarios, que se verán beneficiados do novos descontos.

O renovado transporte urbano de Pontevedra xa está en marcha. O primeiro dos autobuses arrancou esta mañá ás 7:15. No das 10:55 subía o alcalde da cidade. Lores escolleu a liña vermella, un dos dous novos itinerarios que se poñen en marcha. Dende a Estatación vai a Monte Porreiro, pasando pola Xunqueira. A outra, a azul, une a praza de Galicia con Monte Porreiro, con parada no Montecelo.

Lores destaca as melloras que supón este novo servizo para Monte Porreiro, con saídas cada 15 minutos. O novo servizo arranca con case 7.000 usuarios, que se verán beneficiados do novos descontos que se aplican ao ter a tarxeta de transporte metropolitano de Galicia ou a tarxeta Xente Nova. Nalgúns casos, a viaxe pode custar só 18 céntimos. Unha cantidade que dista moito do billete xeral de 1,50 euros.

As novas liñas nacen dun acordo entre a Xunta, o Concello e dúas concesionarias. O goberno galego destinará preto de medio millón de euros, mentres que a administración local achegará 50.000 euros no que resta deste ano e case 150.000 no 2022. Sobre as críticas do PP local a este renovado servizo, o nacionalista lembra que nace froito do entendemento co executivo de Feijóo.

Dende hoxe, por certo, deixaron de funciona-las tarxetas-moedeiro que se podían usar en Pontevedra ata o momento. As tarxetas que aplican nas novas liñas pódense solicitar en tres sucursais de Abanca na cidade, no caso da do trasporte público de Galicia, e na web bus.gal, no caso da Xente Nova.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí