O executivo ribeirense pretende seguir divulgando a mostra do Santa Isabel

    RIBEIRA> As guías didácticas, que xa se poden descargar en formato pdf dende a web municipal, están dirixidas ós centros educativos e estarán adaptadas a distintos niveis académicos. O éxito que está ter a exposición sobre o Santa Isabel, que dende hai varios meses acolle o auditorio municipal, foi unha das principais razóns que levou ó executivo ribeirense a realización de distinto material didáctico sobre a mostra, para que poida ser empregado polos centros educativos, dándolle así unha maior difusión e coñecemento. A propia comisaria da exposición, Pilar Casas, e a edil de Cultura, Elvira Pisos, foron as encargadas de presentar todo, consistente nunha guía do profesorado e catro cadernos de actividades que están adaptados ós distintos niveis académicos: infantil, primaria, secundaria e bacharelato. Dende o concello ribeirense destacaron a boa acollida que dende o inicio está a ter esta exposición, con centos de visitantes. As guías xa están dispoñibles en formato pdf na páxina web municipal: www.riveira.es e www.riveira.gal para que tódolos colexios interesados poidan acceder a ela dunha forma cómoda e sinxela. Ademais, todo o material seralle tamén enviado por correo electrónico ós centros educativos públicos e privados de toda a comunidade.