O executivo noiés prevé regular o tránsito de vehículos polo casco histórico

    NOIA> O executivo noiés ten intención de levar ó pleno do próximo luns a aprobación da ordenanza municipal que regulará no futuro o tránsito de vehículos polo casco Histórico da vila. A regulación abranguerá a área coñecida como ‘Intramuros’, que se corresponde coa zona comprendida polos Malecóns de Gasset e Cadarso, e as rúas Carreiriña do Escultor Ferreiro, Porta da Vila, o primeiro tramo da Rúa de Galicia e a Rúa do Ferrador. A Ordenanza consta dun total de dezasete artigos nos que se regula minuciosamente toda a sinalización, lugares de acceso, residentes e propietarios, así como usuarios de garaxes, titulares de establecementos e o acceso de persoas con discapacidade. Con esta normativa o executivo noiés busca a mellora do casco histórico, facéndoo máis habitable e tratando de potenciar o importante tecido comercial e hostaleiro da vila.