RIBEIRA> O concello de Ribeira segue a dar os pasos pertinentes para o inicio das obras da que será a futura biblioteca municipal, que se emprazará na antiga Casa Gran Sol, fronte ó actual mercado. Nas últimas horas procedeuse ó replantexamento do proxecto. Un trámite que marca o inicio oficial da actuación, cuxo prazo de execución será de dous anos.
Vía libre para o inicio das obras da futura biblioteca municipal que se levantará no inmoble da antiga Casa Gran Sol, fronte o edificio do mercado. Técnicos municipais e da empresa construtora realizaron o replantexamento da obra, trámite que marca o inicio dos traballos. A actuación, financiada con cargo ós fondos de cooperación do Instituto Galego de Vivenda e Solo, conta cun orzamento de 1’2 millóns de euros e un prazo de execución de dous anos.
O proxecto prevé a reforma do antigo inmoble e a súa ampliación para dar lugar a unha instalación moderna que triplicará a superficie actual da biblioteca, emprazada na rúa Manuel Lustres Rivas.
O proxecto contempla tamén unha forte aposta pola máxima eficiencia enerxética nas súas condicións, ó tempo que estará perfectamente integrada na arquitectura da contorna. O inmoble, sumará ás súas dúas plantas actuais, un andar máis, construíndo ás súas costas outro edificio de similar volume, estética e características. Os dous inmobles estarán unidos por un ascensor.
Ademais, na zona posterior do solar acondicionarase un patio axardinado de 200 metros cadrados, deseñado especialmente para a realización de actividades ó aire libre complementarios á biblioteca.