O PAI 2015 permítelle ós concellos barbanzáns reducir a súa débeda

    BARBANZA> A aprobación por parte da Deputación coruñesa do novo Plan de Aforro e Investimentos, fixo que os concellos da zona puideran acceder este ano a cretos a interese cero, destinados ó pago da súa débeda ou ben a realización de novas actuacións. O novo Plan de Aforro e Investimentos da Deputación da Coruña, coñecido como PAI 2015, cuxas bases reguladoras foron aprobadas no pleno da corporación provincial celebrado en novembro pasado, permitiulle ós concellos da provincia poder acceder a cretos a interese cero cun prazo de devolución de dez anos e dous de carencia. A medida posibilitou que moitos municipios puideran destinar o importe do PAI tanto á redución do seu nivel de endebedamento como á realización de investimentos sostibles, en función do seu déficit orzamentario. A maioría dos concellos da zona acolléronse ó dito Plan. No caso de Noia a asignación correspondente ascendeu a preto dos 230 mil euros que foron destinados á pavimentación da súa alameda. A Lousame correspondéronlle un total de 192 mil euros, aproximadamente, que foron destinados por unha banda a amortización da débeda, uns 38 mil, e por outra a compra de contedores de lixo , a renovación de luminarias en Marracín e Tállara e á reposición do acceso a Pousada dende o Sanguiñal. Os concellos de Muros e Boiro decidiron destinar o PAI 2015 na súa totalidade á amortización da débeda, en total uns 213 mil euros, no caso muradán, e 144 mil euros no caso boirense, mentres que a asignación correspondente ó municipio de Outes foi a parar integramente á renovación parcial da rede de alumeado público, uns 224 mil euros. Pola súa banda o concello da Pobra decidiu repartir a súa asignación, uns 94 mil euros foron a parar ó pago da súa débeda, e a cantidade restante ata completar a cifra de 209 mil euros, destináronse á realización do asfaltado na contorna do Cruceiro e o Campiño. Actuaron tamén do mesmo xeito os concellos de Rianxo e Ribeira. No primeiro municipio a cantidade que lle correspondeu con cargo o PAI ascendeu a máis de 214 mil euros, dos cales 65 mil foron para a parar a amortizar débeda e a cantidade restante, ó redor de 149 mil, destináronse á realización de diversas melloras en vías municipais, concretamente en Barral e Ceboleiros. En Ribeira foron máis de 345 mil euros. 145 mil foron destinados a reducir a débeda municipal e o resto do investimento empregouse na pavimentación de varios camiños en distintas parroquias así como a renovación de beirarrúas nun tramo da Avenida de Ferrol.