PORTO DO SON> O documento, que se atopa actualmente en fase de exposición pública, rexerá a futura construción do colexio de Portosín.
O BNG sonense informou das alegacións presentadas pola formación ó Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións, actualmente en fase de exposición pública, que permitirá no futuro a construción do colexio de Portosín.
A primeira delas fai referencia a unha irregularidade cometida, segundo eles, ó inicio do proceso, xa que debería ser o pleno da corporación municipal e non a xunta de goberno local o órgano encargado de aprobar o inicio do expediente de aprobación do PEID.
Os nacionalistas non entenden tampouco o cambio de parecer do equipo de goberno, que decidiu mudar hai un ano o uso dotacional dun terreo público situado na zona de Trapa, que xa estaban contemplado no PXOM como equipamento educativo.
Entre outras cuestións o BNG tampouco concorda coa alternativa presentada polo goberno local para ubicar o futuro colexio, na zona de Moimentos, que obrigaría a abrir un expediente de expropiación que afectaría a uns quince propietarios.